O Museo Arqueolóxico e Histórico da Coruña atópase no Castelo de San Antón, antiga fortificación construída nun illote entre os séculos XVI e XVIII, para defensa da cidade dos ataques por mar. O acceso ó castelo, agora unido a terra, facíase por mar ata a Casa de Botes, hoxe biblioteca do museo.
Na planta baixa atópanse as antigas dependencias da guarnición do castelo, hoxe destinadas á exposición dos obxectos representativos da Prehistoria e a Historia Antiga de Galicia. Destaca a sección de ourivería prehistórica na que destacan pezas clave como O Casco de Leiro ou o Tesouro de Elviña. Existe tamén unha zona dedicada a outras culturas na que se exhiben enxovais das necrópoles de Nubia procedentes das campañas de escavación feitas con motivo da construcción da Presa de Assuán e materiais do Paleolítico sahariano. Por último, a Cociña do Castelo acolle unha mostra de cerámica popular galega.
No acceso á planta alta do castelo pode verse o alxibe e unha reconstrucción hipotética dunha embarcación da Idade do Ferro feita no ano 1974 e coñecida como A Borna.
Na Casa do Gobernador, situada na planta alta do castelo, hai diversas salas dedicadas a fitos da historia da cidade. A Capela do Rosario, de estilo neoclásico, e a súa sancristía anexa, mostran obxectos de uso litúrxico e imaxes entre as que poden destacarse dúas Virxes con Neno feitas en madeira, unha do século XII e outra do XIII.