|
Horario: Martes a sábado: 11-13,30 e 17-20 h. Domingo: 11-13,30 h. Luns e festivos: pechado Grupos previa cita Pago: Tarifa gratuíta Tipo de acceso: Libre Prezo: Gratuíta |
O Museo de Prehistoria e Arqueoloxía de Vilalba pasa a ocupar a actual sede no verán de 2002.
A súa temática cínguese ó espacio cronolóxico que engloba dende o Paleolítico ata a Época Romana no Noroeste peninsular. Os materiais arqueolóxicos que acolle proveñen, principalmente, de depósitos particulares e das descubertas realizadas no transcurso de escavacións arqueolóxicas promovidas polo Museo e por outras entidades e profesionais.
Na exposición permanente preséntase a mellor e máis completa colección en Galicia de materiais dende o Paleolítico ó Mesolítico, destacando os restos da ocupación humana máis antiga de Galicia e o primeiro obxecto de arte da nosa terra.
Da Idade da Pedra Pulida, expóñense materiais de diferentes xacementos neolíticos e de contextos megalíticos. Da Idade de Bronce exhíbense materiais metálicos e cerámicos, xunto cun petroglifo. A Idade de Ferro, representada polo Fenómeno Castrexo, está personalizada por restos zoolóxicos e botánicos que serviron de alimento destas poboacións, xunto con vasillas cerámicas e outros elementos líticos e metálicos. Da Época Romana amósase cerámica (terra sigillata), vidro, moedas, restos de ánforas e materiais cerámicos de construcción.
A exposición está dividida en bloques temáticos, ofrecendo información en tres niveis, buscando con isto non só expoñer uns restos arqueolóxicos, senón que os visitantes poidan comprende-las sociedades que os produciron.
Ademais da exposición permanente, organiza exposicións temporais itinerantes e outras actividades: cursos, seminarios, laboratorios, conferencias... tanto para o público en xeral coma para especialistas.