Camilo Xosé Cela nace en Iria Flavia, Padrón no ano 1916. O escritor de obras de sona como La Familia de Pascual Duarte, Viaje a la Alcarria, ou La Colmena e merecedor de premios como o Príncipe de Asturias das Letras (1987) ou o Nobel de Literatura (1989), decidira a comezos dos anos 80 legar os seus manuscritos, libros, cadros, obras de arte, arquivos e referencias literarias a unha fundación constituída baixo a súa presidencia vitalicia na súa aldea natal.
A Fundación Camilo Xosé Cela ten a súa sede en cinco das Casas dos Cóengos, conxunto do século XVIII que serviu de residencia ós cóengos da Colexiata de Sta. María de Adina. A Fundación nace como centro de estudios literarios e conta cun departamento de informática apostando polas novas tecnoloxías no estudio e difusión da obra do escritor; ademais conta con arquivo, hemeroteca e unha biblioteca de máis de 23.000 volumes.
Por outro lado acolle varias exposicións permanentes como a que mostra tódalas edicións existentes de La Familia de Pascual Duarte. Amósase tamén unha pequena colección artística, reflexo da relación de Cela con pintores e literatos ó longo da súa vida.