|
Horario: Visitas en grupo (previa cita) luns a venres: 9-13 e 16-19 h. Visitas particulares: luns a venres: 10-13 e 17-19 h. Pago: Tarifa gratuíta Tipo de acceso: Libre/guiada Prezo: Gratuíta |
Continuador do Gabinete de Historia Natural, creado por Antonio Casares na Universidade de Santiago de Compostela durante o curso 1840-41, o museo de Historia Natural é o conxunto de patrimonio histórico científico máis importante de Galicia. Ó núcleo orixinario sumáronse adquisicións, doazóns e intercambios con outras institucións. O principal impulsor do museo e o seu director desde 1932, foi o catedrático de Bioloxía Xeral da facultade de Ciencias Naturais don Luís Iglesias.
A través das coleccións deste museo dividido en tres seccións: zooloxía, xeoloxía e botánica pode facerse un percorrido polo labor dos máis sobranceiros científicos galegos do século XIX e XX, e pola investigación actual da Universidade.
A sección de zooloxía ocupa tres salas , a primeira dedicada a fauna exótica contén espécimes de distintos lugares do mundo como o pangolín da India, ou o canguro e o kiwi de Australia. Na segunda sala úsanse dioramas para explicar a fauna de Galicia, neles represéntanse as especies nos seus hábitats; outra parte dedicada á fauna europea máis común e tamén unha mostra dos instrumentos científicos usados na investigación da Bioloxía. Terceira sala dedícase á zooloxía mariña.
A sala dedicada a botánica presenta diversos exemplos da investigación taxonómica. É o caso do herbario pedagóxico de Galicia feito por Baltasar Merino ou a micoteca por César Sobrado Maestro. Complétase a sección de botánica cunha mostra de figuras clásticas e modelos utilizados no ensino da botánica.
Na sección de xeoloxía poden verse coleccións como a de modelos cristalográficos de Haüy, a de minerais e rochas de José Viqueira.