|
Horario: Do 1 xuño ó 15 outubro: martes a domingo: 10:00 -13,30 horas e 16:00 - 20:00 horas. Luns pechado Pago: Tarifa completa, reducida e gratuíta Tipo de acceso: Libre Prezo: 0,50 |
Está situado no antigo edificio do Hospital de Pobres e Peregrinos inaugurado no ano 1756. Conta con tres plantas, capela e patio interior. A colección permanente consta dunha sección de arqueoloxía con pezas de gran valor histórico como un sarcófago romano, un casco celta do século III - II A.C. atopado en Caldelas de Tui e numerosas pezas arqueolóxicas procedentes de escavacións na zona.
A sección de Arte Sacra conta con obras procedentes de igrexas da Diocese Tui-Vigo, entre as que destacan a escultura do Cristo románico do século XII ou a arca eucarística do Monumento do Xoves Santo que procede de O Porriño, realizada en prata no século XVII.
Finalmente na sección de pintura e escultura pódense atopar pezas tan interesantes como a imaxe da Virxe co Neno do século XVI, atribuída a Juan de Juni ou a Virxe da expectación tallada por Alonso Martínez de Montánchez en 1602.
Destacan os cadros da Inmaculada inspirado nas Inmaculadas de Murillo e os retratos dos Bispos dos séculos XIX e XX.
Entre toda a colección do Museo destacan os Sambenitos, grandes pezas de tela do século XVII que son a testemuña das penitencias impostas polo Santo Oficio aos herexes reconciliados coa Igrexa. Estas pezas son únicas no Estado Español.