|
Horario: 10-13 h.; tardes previa cita; domingos e festivos Pago: Tarifa completa e reducida Tipo de acceso: Libre Prezo: 1,50 |
A Catedral de Lugo, comezada en época románica, tivo varias etapas na súa construcción. Nela traballaron arquitectos de sona como Domingo de Andrade, que construíu a Sancristía entre os anos 1678 e 1680; Casas Novoa que levanta a comezos do século XVIII o claustro barroco, e a Capela dos Ollos Grandes entre 1726 e 1734. Sen embargo, pese a mestura de estilos hai que dicir que predomina o neoclásico, estilo no que foi proxectada a fachada occidental. O Museo Diocesano ten a súa sede no claustro, no triforio, nunha pequena parte do entrechán e na torre norte.
A colección orixinaria do museo atópase no Claustro e está composta por obras en pedra como muíños, sartegos paleocristiáns e capiteis medievais, e tamén pezas prehistóricas dende o Paleolítico ata a Cultura Castrexa. No triforio da catedral, con planta en forma de U e dividida en varios sectores, poden verse en primeiro lugar, pezas litúrxicas como cálices, custodias e cruces, de diversas cronoloxías. Noutro sector están algunhas das pezas máis coñecidas do museo, como o Crismón de Quiroga, unha das máis antigas testemuñas do cristianismo en Galicia; relevos visigodos do antigo mosteiro de Saamasas, ou restos de mármore do templo de Sta. Eulalia de Bóveda. Da escultura en madeira, no cuarto sector do triforio, destaca unha serie de táboas procedentes do cadeirado de coro do Mosteiro de Meira realizadas por Francisco de Moure a comezos do século XVII. Finalmente, na Torre Norte atópanse as coleccións de Numismática e Cerámica da Real Fábrica de Sargadelos, entre outras.