O Museo ocupa a meirande parte do recinto conventual de San Domingos (S. XVII-XVIII) salvo a igrexa (S. XIII-XVI) que alberga o Panteón de galegos ilustres. As primeiras salas abriron no ano 1977, dende este ano o Museo con grande base social en Galicia, vai incrementando os seus fondos. Na actualidade o Museo conseguiu rehabilitar todo o recinto conventual cubrindo as súas salas coas distintas manifestacións da cultura galega.
Dedicado fundamentalmente ás pezas de tipo etnográfico, tamén acolle salas de pintura, escultura e arte sacra galegas. As principias coleccións do Museo están en relación coa cultura popular galega onde se atopan valiosas coleccións de cultura mariñeira, o agro e os oficios rurais e urbanos. Tamén hai unha excelente colección do traxe e o encaixe tradicionais galegos e de instrumentos musicais. Outras seccións son as de arqueoloxía, o hábitat e a arquitectura.
O percorrido polo museo permite admirar as coleccións, únicas polo seu valor documental e polas exposicións das que forman parte nas que se poden ve-los obxectos en relación a súa utilización orixinal.
O Museo conta cunha grande oferta de servicios, unha biblioteca, hemeroteca e videoteca especializadas en antropoloxía e museoloxía. Tamén ten sala de audiovisuais, auditorio, e diversas salas de reunión. Conta ademais cunha sala para exposicións temporais e o claustro que tamén acolle exposicións de variada procedencia.
A biblioteca conta cos fondos de Xaquín Lorenzo, Xesús Taboada Chivite, Antón Fraguas, Antonio Rodriguez Fraiz, Fermín Bouza Brey e Manuel Beiras García.