A Fortaleza de San Paio de Narla foi adquirida pola Deputación Provincial de Lugo no ano 1939 e no ano 1983 convértea en museo histórico e etnográfico, trasladando a ela boa parte das coleccións etnográficas do Museo de Lugo.
A fortaleza foi derruída nas revoltas dos irmandiños do século XV e reconstruída no século seguinte. Polo que o actual edificio é obra dos séculos XVI e XVII, fundamentalmente. Ten un corpo central flanqueado pola torre da Homenaxe e por un gran torreón.
A planta baixa formada polo patio, as cortes e a adega, acolle unha colección de útiles de traballos agrícolas, diversos obxectos de equitación e ferramentas para o tecido da la e o liño. A planta primeira componse dunha cociña, un salón e outras estancias nas que podemos ver obxectos artísticos, mobiliario e enxoval doméstico. Desde a última planta, onde destaca unha cheminea renacentista, pódese acceder ó almeado e contemplar o entorno da fortaleza. A capela, do século XVIII, separada do edificio principal, ten planta cadrada con tellado a catro augas, destaca no seu interior un retábulo do século XIX.