|
Horario: De luns a venres: 10-13 h. e 16-18 h. Pago: Tarifa gratuíta Tipo de acceso: Guiada Prezo: Gratuíta |
O Museo Marítimo "Seno De Corcubión" instalouse nun edificio singular con orixes no século XIX, transformado a principios do século XX e máis tarde adaptado para Museo.
O museo abarca o ámbito xeográfico do litoral correspondente ós concellos de Finisterre, Cee, Corcubión, Dumbría e Carnota, e os seus contidos están relacionados coa náutica.
A exposición dos obxectos comeza xa nas inmediacións do edificio, coa exhibición de mástiles, candeeiros, grilletes de cadea, unha hélice de catro palas e unha áncora tipo almirantado. Ademais atópanse neste espacio o pesqueiro 2° Júpiter xunto con diversas embarcacións de menor porte, mástiles nos que están instaladas antenas de radar, sirenas, focos e drizas, diferentes tipos de bitas, guías, gateras, etc.
No vestíbulo atopamos unha rosa dos ventos, rodeada pola tradicional e antiquísima poutada, xunto a áncoras, anclotes e rezones. Sobre a rosa está situada unha agulla magnética sobre soporte de bronce.
Na sala dedicada ó salvamento marítimo destacan os botes salvavidas, desde os de construcción de madeira de tingladiño, pasando polos de ferro, fibra de vidro e botes de rescate, ata as actuais e modernas balsas salvavidas. Tamén diferentes modelos de equipos de radio de emerxencia, concibidos para ser utilizados desde os diferentes botes ou balsas.
Na sala de instrumentos de navegación e electrónica encontramos unha interesante colección de bitácoras e periscopios, agullas náuticas tanto de mesa como de botes, rodas de temón instaladas en equipos de goberno manual, eléctricos, hidráulicos e electrohidráulicos, maxistrais de xiroscópicas, telégrafos de ordenes de máquinas, equipos de radiotelefonía, radiotelegrafía, sondas, tanto gráficas como de papel, etc.
Conta cunha sala dedicada á maquinaria de cuberta e carpintería de ribeira na que se expoñen patróns de madeira que serviron de base para a construcción de buques e ferramentas propias deste oficio; maquinillas de levar áncoras, cabrestantes, chigres e molinetes, xunto con grilletes e cadernais de ferro.
Na sala de motores diesel e eléctricos destaca un motor Deutsche-Werke instalado nesta ría en 1931.